La Opinión A Coruña

Batuko Tabanka, a raíz de Cabo Verde co aporte de músicos galegos

Formación no escenario das Batuko Tabanka para a realización dun concerto. / Pai

Formación no escenario das Batuko Tabanka para a realización dun concerto. / Pai

Djunta mô supón o deburt discográfico das mulleres de Batuko Tabanka, un fato de caboverdianas asentadas dende comezos da década dos setenta no pobo lucense de Burela.
Elas aportan o ritmo das batukadeiras, que ten o seu pasado vencellado á música tradicional que facían os escravos en Cabo Verde. Antes batían no peito e agora fano nunha saca de coiro que colocan entre as súas pernas e que recibe o nome de batuko. Esa percusión e as súas voces debullan pezas con sabor africano e nesta obra editada por PAI Música contan cunha axuda importante de músicos galegos e do ámbeto da lusofonía. Fundamental é o labor de arranxista efectuado por Segundo Grandío, que serve para adubiar con diferentes instrumentos o canto espido das Batuko e iso fai que as pezas sexan máis asequibles para o público, ao dotar dunha maior solidez sonora ao conxunto. Grandío realiza un bo traballo cos elementos escollidos para a ocasión  e apoia e dota dunha maior riqueza o canto das caboverdianas coa axuda de artistas sobranceiros na escena folk galega como Xosé Manuel Budiño, Uxía, Mercedes Peón, Rodrigo Romaní, Xosé Liz,  Fernando Abreu, Isaac Palacín e Treixadura.
Entre as colaboracións vidas de Cabo Verde  é Jon Luz o músico participante no traballo que máis nos soa por estes lares e cómpre mencionar a peza cantada por Nácia Gomes, unha embaixadora da música caboverdiana que non goza de moi boa saúde e a quen gravaron no seu fogar o tema Finaçom, que fica como outra testemuña da raíz musical da súa terra.
Seguindo coa lusofonía, aparecen na obra o portugués Augusto Canario e o brasileiro Sergio Tannus.
Entre os convidados tamén atopamos ao cantautor extremeño Luis Pastor realizando coros e recitando un texto na peza que pecha este disco.
Djunta mô é unha expresión crioula que significa botar unha man ou axudar entre todos. Este é o espírito que se quixo transmitir con esta creación na que se tenta dialogar musicalmente entre culturas tendo sempre presente que o alicerce provén de África.
Esta obra non se queda só no disco, posto que a acompaña un DVD que recolle un concerto realizado  en Cabo Verde polo grupo, ademais de videoclips e unha reportaxe explicando pormenorizadamente os pasos que se foron dando para elaborar este traballo.
O libreto está ilustrado coas fotografías realizadas nas terras de Cabo Verde por Xulio Villarino.

Etiquetas: , , , , ,

Escribe una respuesta