Steve Martin edita o seu segundo disco como intérprete de bluegrass

Steve Martin, tocando o banxo nun dos seus concertos. | La Opinión
Este mes sae á venda nos Estados Unidos, co título de Rare Bird Alert, o segundo disco de bluegrass de Steve Martin, coñecido por ser unha figura da sétima arte. Que ninguén pense que o intérprete, que na súa intensa actividade artística tamén editou algunha novela, é un advenedizo que pretende aproveitarse da sona que ten diante da pantalla para tentar enganar á audiencia e que a púrpura da súa figura agache deficiencias musicais. Martin levaba anos ensaiando co seu banxo e amosou ser un músico dotado cando gravou o tema clásico Foggy Mountain Breakdown con Earl Scruggs, grande mestre do bluegrass.
Este estilo musical, unha deriva do country á que se chamou en tempos hillbilly, ten as súas raíces na música tradicional de Inglaterra, Escocia e Irlanda que foi levada polos inmigrantes aos Estados Unidos, onde recibiu influencias, fundamentalmente, do jazz e o blues. O seu nacemento, na década dos corenta do século pasado, ten a súa orixe no estado de Kentucky e o considerado pai do estilo é Bill Monroe.
Banxo, violín, mandolina e guitarra son os instrumentos que non adoitan faltar á hora de referírmonos a esta música. O de Martin non é a arroutada dun momento e xa o deixou claro co seu debut no ano 2009 con The Crow: New Songs for the Five-String Banjo. Por este traballo obtivo o Grammy ao mellor álbum de bluegrass en 2009, unha entrada triunfal no mundo da música, e foi quen de situalo como o máis vendido do ano dentre dese xénero musical. Dende logo non semellaba para nada o traballo dun principiante, posto que manexaba os códigos desta música con gran fluidez e era quen de realizar con acerto nun par de pezas unhas chsicadelas á música india e os sons celtas. En xeral ofrecía un bo e sólido traballo no que colaboraron músicos coñecidos como Dolly Parton, Vince Gill, a irlandesa Mary Black, Earl Scruggs e Tim O´Brien. Da produción ocupouse John McEuen, compoñente do histórico grupo Nitty Gritty Dirt Band.
O ano pasado, Martin estivo meses tocando polos escenarios coa banda Steep Canyon Rangers, que son o seu acompañamento instrumental para a súa segunda obra, na que aporta trece composicións da súa autoría que, por certo, compuxo na meirande parte mentres estaba nesa xira. Mesturando instrumentais e cancións, e coa produción do excelente banxista Tony Trischka, esta nova obra forma parte do extenso catálogo do selo Rounder Records, seguramente o máis sobranceiro nos Estados Unidos no que atinxe a ese estilo musical. Conta o intérperete para este traballo cunha colaboración de luxo no tema Best Love, xa que a peza ten a voz de Paul McCartney. “É unha canción de amor cun toque de humor”, indicou Martin, quen aínda non se cre que puidera contar coa participación do ex-beatle. “É un home ao que escoitaba cando era un rapaz. Se algunha vez me dixeran que ía cantar un dos meus temas non o crería. Aínda fico pampo ao pensar que logrei convencelo”. O tema é agradable á escoita aínda que nada especialmente novidoso, mais o outro adianto que se coñece da obra é unha preciosidade de tema instrumental chamado The great remember, no que Martin acada un alto grao de delicadeza e sensibilidade.
Outras que tamén quixeron apoiar ao músico foron as Dixie Chicks, que interpretan o tema You. O trío texano aceptou cantala incluso antes de escoitala.”Logo dixeron que a peza lles gustaba e creo que fixeron un gran traballo”, manifesta o autor.
En canto ao nome dado ao disco, Alerta de ave rara, o autor comenta que a obra vai “sobre a observación de aves”. Visto o título do seu anterior traballo, con esa referenza ao corvo, semella que os paxaros deben ser algo importante na vida dun Steve Martin que o ano pasado decidiu apoiar a artistas sobranceiros do bluegrass coa creación dun galardón anual chamado The Steve Martin Prize for Excellence in Banjo and Bluegrass, no que pretende recoñecer o labor dun artista que saliente pola súa sobranceira capacidade musical


