Editan un novo volume de ‘Pel & Madeira’, libro de ensino musical
Agadic e a editorial Dos Acordes, dirixida por Javier Jurado, antigo músico do grupo Doa, publicaron o segundo volume da colección Pel & Madeira, destinada á difusión e aprendizaxe do repertorio básico da música popular galega.
Este segundo número ofrece as partituras de 30 novas pezas, arranxadas para cuarteto tradicional e acompañadas de dous cd de audio coa gravación dos temas e dun cd de datos coas particellas individuais de cada instrumento (dúas gaitas, tambor e bombo). Esta recompilación inclúe pezas tan coñecidas como Muiñeira de Lugo, Carballesa de Melide, Heiche de dar, queridiña, Ribeirá e Farruquiña, chaman á porta, ofrecendo un amplo percorrido polos distintos ritmos da tradición musical galega, como a foliada, a mazurca, a muiñeira, a marcha procesional, o pasodobre, a polca e a xota, entre outros.
Os directores artísticos do proxecto son o gaiteiro Xesús Vaamonde e o percusionista Xosé Lois Romero, dous músicos sobranceiros no panorama musical gaelgo e autores dos arranxos das pezas que eles mesmos interpretan nestas gravacións.
A colección botou a andar en 2008 cunha clara finalidade didáctica, achegando un novo enfoque ao estudo dos instrumentos tradicionais.


