Artigo 14, a primeira cooperativa xurídica de Galicia


Contenido patrocinado por

O que non sabían Eva, Julia e Miguel cando montaron o seu propio despacho de avogados e avogadas é o que lles depararía o seu futuro profesional. Nada previsto, pero grandes doses de ilusión e moitas horas de traballo ao lombo. Nin a elección da forma xurídica deixouse ao azar e, ben certo é que definiu o seu modelo de negocio baseado no exercicio da súa profesión nun sistema de economía social, que facilita a  colaboración con diversas asociacións e colectivos e seguir formándose grazas ás obrigas que lles impón a elección do modelo cooperativo como forma de constitución da entidade. Con estas premisas, os tres xuristas iniciaron a actividade dando cobertura a toda Galicia, entre os despachos que teñen na Coruña e na capital compostelá. 

¿E por que Artigo 14? “É o artigo da Constitución que establece a igualdade entre toda a cidadanía, é unha declaración de intencións, loitamos pola igualdade entre as persoas sen que poida prevalecer discriminación por razón de sexo, relixión ou calquera outro motivo”, explican as avogadas.

Os valores que implica o cooperativismo, que prima a defensa dos dereitos e intereses sociais, a posibilidade de colaborar en rede con outras entidades e que a empresa sexa unha estrutura horizontal, son algunhas das causas que os levou a tomar esa decisión cando arrancaron o seu proxecto profesional. Atinaron ben porque son un bufete que se diferencia de calquera outro polo seu firme compromiso coa sociedade galega. “Cremos nas cooperativas porque son unha forma de crear emprego sostible e de calidade porque somos socios e ao mesmo tempo podemos estar dados de alta como traballadores por conta allea”, contan. Outra das cousas que –segundo argumentan- lles animou a formar parte de cooperativismo galego é que o 5% dos beneficios anuais teñen que destinalos a formación o que lles permite estar renovando continuamente o seus coñecementos e reciclándose de xeito profesional. Artigo 14 está integrado en ESPAZOCOOP –a unión galega de cooperativas- que organiza actividades entre as cooperativas galegas. “Isto nos permite estar en contacto con outras entidades e traballar en rede”.

A vantaxe competitiva do bufete fronte á competencia céntrase na proximidade ao cliente a través da difusión no blogue da súa web www.artigo14.es de temas da actualidade xudicial, levando a cabo unha labor informativa de cara á sociedade.

Así mesmo dispoñen dun servizo gratuíto de consultas on-line, e desta forma a innovación tradúcese en flexibilidade na prestación do servizo e facilidade de comunicación co cliente.


Un despacho multidisciplinar

A pesares das vantaxes da cooperativa, Artigo 14 é un despacho de avogados e avogadas ao uso, no que Eva, Julia e Miguel ofrecen os diferentes servizos nos que están especializados. Neste últimos anos, a cooperativa sacou adiante casos pioneiros. O tempo falou, e fíxoo ben. Os casos foron chegando acadando resultados moi positivos. As áreas xurídicas que abrangue a Cooperativa cobren practicamente todas as ramas do noso ordenamento, o que permite ofrecer entre todas as que forman Artigo 14 un asesoramento integral e completo.

Unha das socias, Eva Rosende Castro, é especialista en concursos de acredores de persoas físicas pero destacou na rama do Dereito Bancario nos últimos anos gañando varios xuízos en contra dos xuros abusivos das tarxetas de crédito, asunto sobre o que ademáis traballa na súa tese doctoral. O 25 de novembro de 2015 deixou de ser unha data mais do calendario da avogada. Ese día o Tribunal Supremo declarou nulos por usurarios os xuros cobrados por un banco ao seu cliente nunha tarxeta de crédito.

Esta Sentenza abriu a porta para reclamar en todos aqueles casos en que o xuro imposto por contrato sexa desproporcionadamente alto, obténdose a declaración de nulidade e por tanto a devolución do abonado ao consumidor en concepto de xuros. Dereito Bancario, e Procedementos xudiciais sobre propiedade intelectual e industrial son outros dos campos que abordan os profesionais.

A socia Julia Álvarez Martín, está especializada en dereito penal, civil e función pública, levando a asistencia letrada en procedementos de familia (divorcios, custodias, pensións de alimentos, etc.) reclamacións de indemnizacións en accidentes de tráfico, asumindo a defensa penal de diversos colectivos sociais que teñen por obxecto a defensa dos dereitos civís e prestando o servizo na actualidade de avogada na asesoría xurídica do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia.

As socias de Artigo 14

Pola súa banda, Miguel Vázquez Cacho está especializado en Dereito laboral e Seguridade social, traballando nestes momentos en múltiples casos sobre os denominados “falsos autónomos”, situación na que a relación mantida coa empresa é fraudulenta xa que se trata de verdadeiros traballadores por conta allea disfrazados de autónomos, evitándose as empresas os custos da Seguridade Social ou vacacións. Así mesmo, compatibiliza a súa actividade de avogado coa de docencia no eido do Dereito deportivo.

As tres socias de Artigo 14 prestan os seus servizos ademais na Quenda de Oficio (Xustiza Gratuíta) nas ramas de civil, laboral, administrativo, penal e violencia de xénero. Sendo firmes defensoras da xustiza gratuíta como un verdadeiro servizo público en defensa do acceso á xustiza de toda a cidadanía, “traballamos por transformar o ordenamento xurídico, sen tratar aquí de sermos inxenuas, pero si de adoptar un compromiso serio coa ampliación do marco de dereitos e liberdades a través de estratexias xurídicas que procuren pronunciamentos dos nosos tribunais no sentido da interpretación extensiva dos nosos dereitos fundamentais”.

Artigo 14 o forman un equipo multidisciplinar capaz de atender, sempre dende a cercanía, a calquera persoa que se atope nunha situación complicada ou que precisa de servizos xurídicos nun momento dado da súa vida. Eva, Julia e Miguel saben que por diante teñen moitos casos que resolver, pero a experiencia dos últimos anos converteu a Artigo 14 nun dos despachos con máis proxección de futuro de Galicia.