Ernesto Guerra da Cal, navegante Ulises
Sepultado entre as sombras e tocado por un raio do sol. Nesta dualidade permanece, 15 anos despois do seu pasamento, a figura do grande poeta e literato galego, peza chave e de grande influencia na española xeración do 27 e un dos vultos de maior importancia no mundo lusófono.
Compromiso e rigor filolóxico do galego errante
A existir unha listaxe de vítimas da inxustiza literaria, Ernesto Guerra da Cal ocuparía o primeiro lugar como padecente do esquecemento forzado, oficialista e interesado por parte das universidades e institucións galegas. As razóns son simples e coñecidas, convicción científico filolóxica e escolla lingüística. Un problema para o imperio que foi apuradamente silenciado, causando resultados devastadores para a nosa lingua, paradoxalmente abrigada hoxe sob a antuca ortográfica do español.
Por fortuna, mais para vergoña nosa, só isto sucede na nosa terra, esa peza chave da luso ou galaicofonía que renega de si propia, pois por tras da brétema que hoxe cobre o país, o noso autor gozou de solemne recoñecemento mundial, sendo honrado en vida con innúmeras distincións entre as que se destacan a medalla Padre Anchieta, a chave da Cidade de Rio de Janeiro, a medalla Oskar Nobiling da Sociedade Brasileira de Língua e Literatura; a presidencia de honra do I e II Congreso Internacional da Língua Galaico-Portuguesa organizado pola Associaçom Galega da Língua, a entrada como socio na Academia de Ciências de Lisboa e da Sociedade de Geografía, a pertenza como membro da Academia Internacional da Cultura Portuguesa ou, aínda, o nomeamento como doutor honoris causa polas universidades de Bahia e Coimbra. Non obstante, é preciso detérmonos primeiro na biografía do autor para comprendermos mellor a importancia do seu legado.
Guerra Cal nace no ano 1911 nun Ferrol eminentemente rural, humilde e mariñeiro que soñaba co arelado camiño de ferro que viría unir a capital da comarca de Ferrolterra con Betanzos. Bautizado como Ernesto Román Laureano Pérez Güerra, antes de cumprir o primeiro ano o meniño perde prematuramente o pai, Román Pérez, amigo íntimo de Castelao nos anos de estudante en Compostela.
O apelido Güerra, con trema, que non utilizará cando teña uso de razón, hérdao da súa nai, neta do conde Scopoli que combateu nas fileiras de Garibaldi. A explicación da presenza desta liñaxe na Galiza encontrámola no avó materno de Ernesto, arquitecto e enxeñeiro contratado por Ferdinand de Lesseps para o proxecto do Canal de Panamá que, despois do fracaso desta empresa, foi chamado para deseñar o trazado das vías ferroviarias do Estado español, unha delas, a primeira do noso país, a histórica liña que uniu as cidades de Palencia e A Coruña.
Laura Güerra, viúva, resolve trasladarse a Madrid para findar os estudos de Maxisterio, enviando os fillos (Ernesto e Fernando) para o val de Quiroga onde ficarán ao coidado dos avós e dunha tía, Teteyo, a quen o autor dedicará seu primeiro poemario: Lua de Além-mar.

A estancia en Quiroga marcará de por vida a Guerra da Cal, deixando por sempre nel un pouso melancólico de quen ansía volver ver o Sil, os cumes do val, ou as xentes da Ribeira Sacra, pasaxes estas que evocará en innúmeras ocasións no decorrer da súa vida e obra.
Contando os 9 anos, o aínda neno Ernesto deslócase para Madrid “cursi villa y corte” ou “fosa séptica” en palabras do autor, nunha viaxe marcada pola agonía de se afastar de Quiroga e a necesidade de se reencontrar coa nai. Desolado pola morriña, o autor regresa á casa galega para, xa con 11 anos cumpridos, iniciar novamente viaxe cara Madrid, onde se instalará e realizará estudos secundarios e universitarios, finalizando o Curso de Letras en xuño do 36.
Neses anos de estudante, o de Quiroga, pois así se considerou sempre embora tivese nacido en Ferrol, foi acusado de participar en actos estudantís contrarios á ditadura de Primo de Rivera que o levarían a pasar un tempo por tras das grades. Para alén do referido, contamos aínda co testemuño honesto do noso filólogo, que deixou constancia escrita dalgunha das brigas de rúa contra os monárquicos.
Sen caermos nunha interminábel listaxe de nomes debemos apuntar que, naquel tempo e lugar, Guerra da Cal estabelecerá relación con deputados do Partido Galeguista como Vilar Ponte, Suárez Picallo ou Castelao, poetas latinoamericanos como Pablo Neruda, Nicolás Guillén ou Lino Novás Calvo, membros das xeracións hispánicas do 98, como Manuel Machado, e do 27, como Juan R. Jiménez, Cernuda ou García Lorca, e aínda outros nomes como Buñuel, para quen mesmo fará dobraxes. Entre os supra referidos, destaca de xeito moito especial a grande amizade que Guerra da Cal trabará co poeta do Romancero Gitano, quen, abatido pola morte de Ignacio Sánchez Mejías, será alentado polo de Quiroga para escribir os célebres Seis poemas galegos, nos que Guerra da Cal actuará como “dicionario humano”.
O terceiro nome pronunciado cando se fala desta obra é o de Eduardo Blanco Amor, quen semella que con menos rigor filolóxico do que Ernesto, castelanizou —evidentemente sen intención— e modificou títulos e versos dos poemas referidos antes de llos enviar a Ánxelo Casal. O propio Ernesto, o máis íntimo amigo de Lorca en palabras do autor auriense, afirmaba en 1985 que o libro do andaluz foi o resultado dunha colaboración lingüístico-literaria entre os dous autores, recoñecendo que catro dos seis orixinais completos, e as dúas primeiras estrofas doutro, eran obra do seu puño e letra.
Da Cal, ese referido dicionario andante, fornecerá a obra de Lorca de léxico galego que o autor granadino descoñece. A este respeito, o propio da Cal manifestaba epistolarmente e en resposta ao autor da Esmorga o seguinte:
“Él (Lorca) me decía un verso en castellano y yo lo traducía libremente al gallego buscando, como es natural, las palabras que a él más pudieran impresionarle por color, sonido y evocación mágica. Si no le gustaba alguna —pura y simplemente en un juicio poético inmediato— yo le daba otras en opción y él, augustamente, elegía la que le salía de los cojones líricos”.
A “ténue intriga literaria” que envolve a célebre obra continúa hoxe marcada por unha especie de amnesia lacunar que dará aínda, sen dúbida, para varios estudos. 
Contodo, a relación co andaluz chega mais lonxe. Así, participa tamén na actividade escénica do Grupo Teatral Anfistora, codirixido polo poeta granadino e Pura Maortua de Ucelay, nai de Margarita de Ucelay, muller douta e de verbo áxil coa que casará Ernesto no ano 1936 e coa que terá un único fillo, Enrique Ucelay da Cal (repárese na orde dos apelidos).
Nacionalista convencido, radical, afín á causa republicana, Guerra da Cal ingresa nas Milicias Galegas, combatendo na frente de Toledo e participando no asalto ao Cuartel da Montaña. O fin tráxico da guerra sorpréndeo en Nova York, onde fora enviado en misión oficial e en calidade de membro do servizo de información militar para o goberno lexítimo da República. Comeza aquí o exilio do poeta, convulsos anos nos que estabelecerá contacto cos galegos de ultramar e nos que verá agromar a súa faceta como docente universitario na New York University, onde atinxe, no ano 1951, a categoría de profesor catedrático de Linguas e Literatura Románicas.
Mercé a un traballo filolóxico e literario infatigábel, os recoñecementos sucédense un após doutro dando lugar ás máis altas distincións académicas nos EUA, Portugal e Brasil.
Encontramos nestes anos o xenio máis vizoso da súa obra, entre a que ocupa un lugar de destaque a investigación sobre a Língua e Estilo de Eça de Queirós, de 1954, única obra en toda a súa produción na que o autor tirou do español, traballo louvado internacionalmente co que Guerra da Cal se situou como o erudito máis importante da obra do escritor poveiro. Nestes anos, o poeta quirogués ocúpase tamén da parte galega do Dicionário das Literaturas Portuguesa, Galega e Brasileira.
Mais, para alén do literario, hai un episodio fulcral na vida do autor que non debemos deixar escapar. Resultado do seu sólido pensamento nacionalista, Guerra da Cal renuncia, no ano 1954, á nacionalidade española. Renuncia pois á España fascista que asasinou Lorca, á España da represión, do asasinato e da triste historia, para se nacionalizar estadounidense, adaptando os seus apelidos para o sistema anglosaxón e lusófono, daí que rexeitemos, con absoluta firmeza, afirmacións nas que algúns autores falan de seudónimo e até de heterónimo.
Cunha vida ao servizo da filoloxía, Guerra da Cal pronuncia conferencias, realiza seminarios e crea traballos de investigación para as universidades e entidades de maior reputación e prestixio mundial, como a Fundação Calouste Gulbenkian, a US Information Service ou a Universidade Clássica de Lisboa, a Federal do Rio de Janeiro ou a Princeton e a New York University, dos EUA. Mais o autor será aínda artífice e feitor dunha extensa e rica obra literaria, na que sempre portará con intacto fervor patriótico a bandeira do monolingüismo galego.
Defensor da integración da Galiza no mundo lusófono e da dignificación absoluta da nosa lingua, o poeta trazou, na totalidade da súa obra, as liñas que estabelecerían as teses do reintegracionismo moderno. Lugar destacado na historia literaria teñen os seus poemarios Lua de Além-Mar —o primeiro libro no que un autor aposta polo reintegracionismo lingüístico após o Rexurdimento— e Rio de Sonho e Tempo, publicados por Galaxia nos anos 1959 e 1963.
Aparentemente serodios se atendemos á idade do autor, o certo é que os primeiros traballos literarios de Ernesto aparecen xa na década dos 30, na revista dos escritores galegos antifascistas Nova Galiza, editada en Barcelona.

O catedrático Xosé María Dobarro, amigo do poeta desde a década de 80, profundo coñecedor e reivindicador da súa obra, afirmou que as obras de da Cal foron ben acollidas pola crítica galega, se ben, apontou tamén para os preconceitos xerados perante o emprego dalgunhas grafías de cariz reintegrador (lh, nh, ç, g e j).
Reformado da súa Cátedra na universidade, Guerra da Cal deslócase para a residencia de Estoril, nunha escolla consciente na que o autor manifestou preferir vivir nunha Galiza livre (Portugal) do que nun país semiconquistado e mediatizado polo Estado Central. Aínda, o profesor destacaba o facto de, no caso de vir á Galiza, “ter que escoitar os galegos a preferiren, moitos deles, seren españois de cuarta do que galegos de primeira”. Deitando luz a este respeito, a profesora Pilar García Negro explicaba que Guerra da Cal non foi un cosmopolita, senón un galego desacomplexado que ensinou a unha xeración enteira de mozos e mozas a seren galegos e só galegos.
Xa nunha das últimas viaxes do seu periplo vital, e por enfermidade da súa segunda dona —Elsie Allen da Cal—, trasládanse a Londres, retornando anos máis tarde para terras lusas. Navegante Ulises, navegante galiciano, galego errante e náufrago, Guerra da Cal pechará os ollos en Lisboa un triste dia de 1994, co sentimento de amor pola Galiza, paraíso perdido do poeta, intacto.
Cumpridos tres lustros desde a súa perda, o noso país arrastra hoxe as ignominiosas correntes do silenciamento de todo o que non casou coa norma, e así, Ernesto Guerra da Cal continúa a ser silenciado na terra que o viu nacer, e á que dedicou a súa produción literaria, por ter apostado polo rigor científico, filolóxico e polos postulados herdados de Pintos, Viqueira, Murguía ou Castelao que compartiu con Carvalho Calero, Marinhas del Valle e tantos outros.
Convencido da unidade lingüística e cultural galego-portuguesa, Guerra da Cal empregou sempre a grafía internacional da nosa lingua, a que florece en Portugal como aseverou Castelao, para se manifestar en galego. Para esta escolla, o filólogo argumentou dúas razóns, a primeira apuntando para “a evidencia de que o sistema gráfico vixente —na Galiza— até hoxe entre nós non ten base algunha respeitábel, nin histórica, nin científica”; e a segunda, “por considerarmos inadiábel o restabelecemento dos vínculos tradicionais das nosas letras co ámbito amplo e rico da cultura luso-brasileira, á cal tanto polo verbo como polo espírito pertencemos”.
Da nosa parte, reflexionemos. Nada máis que dicir.



