Suplementos de La Opinión A Coruña

Los mejores reportajes de los suplementos de tu Periodico Favorito

Tempo de Astérix

6-asterixToda lectura supón unha viaxe. Sentado nun cómodo sofá do seu salón, un lector pode emprender un percorrido polas coordenadas espaciais que un libro determinado propoña no interior das súas páxinas. O pracer dese roteiro elévase cando se trata do xénero histórico, xa que, neste caso, a travesía realízase por itinerarios temporais, de tal xeito que o sentimento de evasión alcanza as súas cotas máis altas.

Cando abrimos calquera dos trinta e tres volumes publicados da colección de Astérix, en realidade, estamos adquirindo un billete de ida e volta a unha aldea do norte de Francia, que linda co mar por un lado, e cun bosque abundante de xabarís por outro. Este espírito viaxeiro multiplicase ao penetramos nas múltiples aventuras que relatan unha travesía por diversos lugares e países do mundo: A volta á Galia, Astérix en Hispania, Astérix na Bretaña, Astérix en Helvecia, Astérix en Bélxica, Astérix na India, etc A nosa mente voa con eles. Quén non querería vivir, aínda que fora por un tempo, nesa fermosa aldea organizada en pequenas cabanas de pedra e madeira? A quen non lle apetecería convivir cos habitantes dese poboado, aínda co risco de ser mancado pola liorta da peixería? Probablemente, o magnetismo destas historias resida nesa capacidade para situar ao lector nun tempo remoto e nunha aldea afastada da civilización (de feito, a invasión romana simboliza, en certa medida, a ameaza contra un modo de vida arraigado na natureza). Visualmente, as ilustracións de Albert Uderzo van na procura de acadar ese escenario envolvente que prende a mirada de todos nós, primando ás ilustracións de conxunto cun gran celo na recreación ambiental do escenario que acolle aos personaxes. E é que o espazo vén ser, el mesmo, un personaxe máis na saga de Astérix. Non esquezamos que un mapa antecede sempre á primeira páxina do relato, e do que se trata é de defender unha aldea.

Probablemente sexa na recreación ambiental deste espazo onde máis afrouxan as tres adaptacións fílmicas realizadas sobre a vida deste galos (deixando de lado as oito películas de animación das cales as tres primeiras foron dirixidas por Uderzo e Goscinny), xa que en todas elas, Astérix e Obélix contra César (Claude Zidi, 1999), Astérix e Obélix: Misión Cleopatra (Alain Chabat, 2002) e Astérix nos Xogos Olímpicos (Frédéric Foster e Thomas Langmann, 2008), a pesar dos esforzos orzamentarias, sobre todo no ultimo traballo, non logran transmitir a maxia do contexto espacial que amosaban os cómics. Non se trataba soamente de trasladar á gran pantalla unhas aventuras protagonizadas polos célebres guerreiros galos, senón todo un universo, e nesa faceta é ineludible unha visión global que misture os existentes humanos co entorno que os acolle. Foi esta unha faceta na que Peter Jackson, á marxe das distintas consideracións que se poidan facer sobre a triloxía de O señor dos aneis, aprobou con nota alta grazas a fantástica recreación dun universo imaxinario, cunha realización baseada en abundantes planos xerais e de conxunto, sen medo a retardar a narración polo feito de insistir na importancia do espazo. Repartindo un pouco de xustiza, a última adaptación, Astérix nos Xogos Olímpicos, semella achegarse, máis que ningunha outra, a esta concepción visual das viñetas. O esforzo económico converteu este proxecto nun produto propio dunha superprodución hollywoodiense, con escenas rodadas no norte de África e en Alacante, na busca desa luz viva que desprenden os debuxos de Uderzo. Aínda que a fita está pensada para un público infantil, limitando en exceso o amplo espectro de lectores que tiñan os cómics, os numerosos cameos de celebridades semellan ir na procura de reclamar a atención dun público máis adulto. Por esta longametraxe pasean rostros tan coñecidos como o futbolista Zinedine Zidane, o piloto Michael Schumacher, a tenista Amélie Mauresmo e o xogador da NBA Tony Parker. Ademais do reclamo comercial que poidan ter tales aparicións, dalgún xeito veñen sendo unha emulación dos moitas aparicións de personaxes históricos reais que desfilan, como extras ou como pseudoprotagonistas, por ese universo tan máxico á vez que real ideado hai cincuenta anos.

Etiquetas: , ,

Escribe una respuesta