Suplementos de La Opinión A Coruña

Los mejores reportajes de los suplementos de tu Periodico Favorito

Hipatia e Prisciliano

03-hipatiaEstá sendo moi comentada a película Ágora de Alejandro Amenábar sobre a vida e terríbel morte de Hipatia (ou Hipatía ou Hypatía), filósofa que floriu en Alexandría entre os séculos IV e V despois de Cristo. A fita, espléndida, encádrase no grupo do que os rapaces de antaño chamábamos “de romanos”. Como moitas de tal xénero (Ben Hur ou Espartaco), Ágora é ben ideolóxica e mesmo pode entrar no que o marxismo alemán dos días da Républica de Weimar denominaba Tendenzkino ou sexa cine sólido. Introdúcenos o director na Alexandría do tempo caducante e crítico de Teodosio o Grande, do seu fillo Arcadio e do seu neto Teodosio II. Unha cidade na que a herdanza grega arrastraba supervivencias culturais exipcias e na que o cristianismo se estaba a impór violentamente desde a posición de relixión do poder. Nesa Alexandría brilla Hipatia, que, na película, básicamente fiel á Historia, é encarnada por Rachel Weisz para satisfacción dos espectadores. A historia de Hipatia, tal e como chegou a nós a través de fontes cristiás e paganas, é, pola breve, ésta.

Hipatia, filla dun sabio, naceu arredor do ano 370 e viviu a época na que o cristianismo ortodoxo se convertía en relixión oficial do Imperio Romano, con Constantino e Teodosio. Ela escolleu empregar o seu tempo no estudo das matemáticas, da astronomía e da filosofía, que ensinaba na academia. Isto situou Hipatia na resistencia ao cristianismo que se impuña. Dada a inmensa influencia que ela exercía en Alexandría, o bispo Cirilo, patriarca católico, chegou a odiala e a envexala. Perseguiuna e finalmente lanzou contra ela unha masa de monxes fanáticos que, dentro do templo cristián, lle separaron a carne dos ósos con cunchas de ostras. Nalguna versión fálase de que os monxes se serviron de fragmentos de cerámicas para executar o seu crime. Isto ocorreu no ano 415. Cirilo figura como santo no repertorio canónico e é considerado doutor e padre da Igrexa Oriental.

Despois da morte, Hipatia converteuse nun emblema universal da liberdade de pensamento reprimida polo fanatismo e polo poder. Voltaire ocupouse dela e as súas páxinas suscitaron outras en Francia e en diversos países. Escritores menores, coma o poeta Vicenzo Monti ou o ensaísta John Toland, glosaron a vida e a morte de Hipatia. Pro tamén autores altísimos, coma Schiller, introduciron Hipatia nos mundos da bela ficción histórica e romántica. Nos nosos días obsérvase interese pola figura da intelectual feminina no mundo clásico en xeral e de Hipatia en particular. Nesta onda de preocupación contemporánea por Hipatia inxérese a película Ágora de Alejandro Amenábar.

A cultura galega dos nosos días non é allea a esta especie de rexundimento de Hipatia como símbolo de liberdade. De Hipatia tense ocupado o historiador do Cristianismo e bispo galego Uxío Romero Pose (A Trabe de Ouro núm. 26, 1996) e Afonso Pexegueiro titulou Hipatia un importante libro poético (Ablativo Absoluto, Xerais, 1998). Dado que os librepensadores foron sempre gardiáns da memoria desta muller malfadada, hai indicios de que mulleres da Masonaría de Galicia, pertencentes a “cámaras de adopción” ou a lóxias mixtas irregulares, adoptaron e adoptan o nome simbólico de Hipatia.

Posibelmente Hipatia de Alexandría tivese noticias de Prisciliano, herexe cristián galaico que, trinta anos antes de ela ser sacrificada en holocausto ao Deus evanxélico, fora decapitado en Tréveris a causa da súa disidencia. Non son eu, senón o citado doutor Romero Pose, quen pon en paralelo plutarquiano as vidas e as mortes de Priciliano e de Hipatia. Segundo di moi ben Chadwick, Prisciliano é a primeira víctima cristiá da intolerancia católica de Estado. Daquela, Uxío Romero Pose bole a evocar Hipatia para a situar a carón do ilustre decapitado como a primeira víctima pagana da mesma intolerancia relixiosa. Para o historiador galego do Cristianismo “… resulta atraínte establecer semellanza entre Ipatia(el escribe á italiana) e Prisciliano, e así, comparando as vidas nun ambiente común, podemos perfilar mellor os seus rostros”. Naturalmente, sendo Prisciliano galaico, non podemos esquencer que “a Gallaecia de fins do século IV e as décadas posteriores é universal e romana e está encravada nun cadro máis homoxéneo e máis amplo que onde estaría posteriormente”. E aínda diríamos nós: só poderiamos entender o posterior reino suevo e a figura de Martiño de Dume entendendo Gallaecia coma un estado independiente pero aberto ao mundo, neste caso carolinxio e bizantino.

Un factor misterioso que relaciona Prisciliano con Hipatia é o que vagamente agora chamaremos “feminismo”. Prisciliano parece que fora educado filosóficamente por unha muller, Agape, e que tiña discípulas das cales unha, de nome Eucrocia, sofreu martirio en Tréveris canda el. Prisciliano, coma outros herexes, foi acusado de andar en pecaminosa compaña de muliericulae ou “mulleres baixas e desprezabeis”. Muliericula sería chamada, sen dúbida, Hipatia polos seus verdugos se a lingua de Alexandría fose daquela o latín e non o grego. En todo caso, na composición da inquina de San Cirilo contra Hipatia encontraría o desprezo que San Pablo e outros sentían pola condición feminina. Sendo a muller na Escritura inferior ao home, culpábel ela do pecado orixinal e por isto castigada por Deus, a existencia mesma de Hipatia disertando sobre astronomía e filosofía no ágora había de representar un desafío á Igrexa e unha humillación insoportabel para o patriarca Cirilo de Alexandría que ordenou matala.

Etiquetas: , ,

Escribe una respuesta