Suplementos de La Opinión A Coruña

Los mejores reportajes de los suplementos de tu Periodico Favorito

Oliveiras en cuestión (2)

Pasa polo Fondo dos Espellos a Galicia turbulenta do século XV, cos servos revolucionarios e os condes insumisos e extremados. Unha vez pacificado o país, Isabel La Católica xa no poder, ábrese un período de sometemento nacional cuxas consecuencias chegan a hoxe

catolica
Aqueles tempos foron chamados de “doma y castración” polo historiador Jerónimo Zurita (1512-1580) a quen eu nunca lin polo que a cita é de segunda man. Ora ben, prométolles consultar os Anales del Reino de Aragón de Zurita e comentar no Fondo dos Espellos o que alí saia sobre a historia de Galicia no século XV.
O caso é que “doma e castración” é un lema que define ben o acontecido en Galicia entre 1486 e 1556 durante o reinado de Isabel I, durante a efémera preponderancia de Filipe o Fermoso, durante as rexencias de Fernando de Aragón e Cisneros e aínda durante o reinado de Carlos I.
Esmagada toda resistencia, a alta nobreza leal á usurpadora é colmada de beneficios e alentada a asentar a residencia en Castela, cousa que fai deixando en Galicia mordomos e administradores, casteláns xeralemente, que se ocupan en lles angueirar aos amos as rendas que extraen do campesiñado. Créase a Audiencia do Reino, como órgano de dominio, cuxos fallos e resolucións podían ser apelados na Chancelaría de Valladolid. Á frente desa Audiencia son postos funcionarios casteláns. Ocupan as dioceses os bispos e os cóengos impostos e vindos de fóra. Créase a figura do Capitán Xeral de Galicia, que representaba a autoridade do Rei nun tempo de cesarismo absolutista. Naturalmente, tamén o Capitán Xeral e os seus dependentes serán persoas castelás. A Xunta do Reino limítase a executar as ordes da Coroa. Os concellos perden a súa autonomía no intre no que son intervidos pola monarquía, que designa os corrixidores para os controlar. Corrixidores ou corregidores que soen ser casteláns e que, por veces, son absentistas e delegan en substitutos tamén casteláns. Impóñense en Galicia pesas e medidas extranxeiras, coma a libra de Ávila e o moio de Toro. Non hai cortes de Galicia e o Reino é representado nas de Castela e León pola cidade de Zamora, o cal foi considerado unha humillación. Proíbenselle ao pobo as reunión e festas multitudinarias e a organización popular en formar irmandades. En 1555 os Xesuítas fundan o colexio de Monterrei para educar os aldeáns galegos que, a xuízo dun bispo, estaban tan atrasados coma os indios de América.
No Reino de Galicia había comunidades monásticas que foran acumulando un poder económico superior ao da mesma nobreza. Aplicouselles tamén aos conventos a política de “doma y castración”. Xa en 1487 son facultados os bispos de Avila, Córdoba, Segovia e León para intervir os mosteiros de Galicia e mesmo para suprimir algúns. Pouco e pouco, os poderosos centros bieitos de Celanova, Ribas de Sil, Lourenzá, Poio, Leres, pasan a depender xerárquica e económicamente do de San Benito de Valladolid. A soberanía dos conventos do Císter será tamén anulada e eles adscritos á Congregación de Castela daquela relixión. De igual modo, e seguindo directrices reais amparadas por bulas papais, as colexiatas dos cóengos regulares de San Agostiño, coma a de Xunqueira de Ambía, perden a súa independencia e se someten a Valladolid. A partir desde período histórico, un verdadeiro río de ouro e riquezas varias flúe de Galicia a Castela debido á perda de autonomía dos mosteiros galegos.
Podemos decer que á renuncia de Carlos I en 1556 fica completo o designio da Raiña Católica: a plena sumisión de Galicia.
Teño ouvido decer e lido, aquí e acolá, que un dos actos da “doma e castración” do noso Reino foi o seguinte. Isabel La Católica quixo vingarse dunha Galicia que lle fora en parte hostil ao apoiar a lexitimidade da Excelente Señora dona Xohana. Daquela, mandou cortar as oliveiras do Reino para que este fose deficitario de aceite, e dependente portanto.

Incluso me teñen asegurado que as oliveiras de adros e sagrados (os “olivos escuros” de Adina) estiveron permitidas a condición de que só producisen aceite destinado ao culto.
É isto verdade ou constitúe unha lenda que transmite, en forma metafórica, a memoria da “doma e castración”? Non sabería responder agora. Pro a pregunta é esta: por que na marxe esquerda do Miño, digamos que en Valença, existen hoxe oliveiras e muíños de aceite mentres que na dereita, poñamos concello de Tui, non existe tal cousa ni existiu desde que haxa memoria viva?
Iremos tratando do aceite galego no Fondo dos Espellos.

Etiquetas: , , ,

Escribe una respuesta