Oliveiras en cuestión (3)
En todo o Norte de Portugal prodúcese aceite de oliva. No Noroeste de dito país as árbores soen ser plantadas nas extremas das leiras en canto que no Nordeste, Centro e Sul hai terras destinadas integramente a olival: “Por esses olivais perdidos vão as raparigas solteiras”—tal como cantaban as janeiras de José Afonso. A poucos quilómetros deste Vigo no que escribo, no concello de Valença do Minho, freguesía de Cerdal, funcionou até hai algúns anos o lagar industrial de aceite de Casimiro & Barreiro SL que, segundo unha investigación feita para o Fondo dos Espellos por Joaquín G. Troncoso, moeu 10.000 quilos de aceituna e produciu 5.000 litros de aceite no ano 1985. Polo contrario, na marxe opósita do río Miño, no concello de Tui, en Galicia, non hai colleita de aceitunas nin muíños de aceite nin memoria de tal nin farrapos de gaita.
En Galicia só temos noticias de que se produce ou se pruduciu até hai pouco aceite nos concellos de Betanzos, Lobios, O Bolo, Larouco, A Rúa, Ribas de Sil, Verín, Oímbra, Vilardevós. O Licenciado Molina, na súa Descripción del Reino de Galicia (1551), só sinala a presenza de oliveiras nas Mariñas de Betanzos e en Valdeorras. Escribiuse e contouse oralmente que a Raíña Católica castigou os galegos, por rebeldes insumisos, mandándolles talar as oliveiras para acentuar a súa dependencia económica. Coñezo unha versión do mito segundo a cal foi Filipe V o que ordenou a devastación. Outros cren que as leis liberais do século XIX foron as responsabeis de desparición das oliveiras ou olivas galegas, o que se contradí co dito por Molina no século XVI. A pregunta segue a ser esta: por que hai oliveiras productivas de aceite en Portugal e en Galicia son tan escasas? Constitúe a lenda da corta das nosas oliveiras unha metáfora popular mediante a cal o pobo quixo significar a “doma y castración del Reino de Galicia” tan duramente executada pola raíña Isabel I? Non sei.
En Galicia hai muíños particulares de herdeiros de aceite e muíños de maquía. Son diversos os tipos e modelos de muíños de aceite de eiquí, e eles poden ir do prehistórico ao motorizado. Fálase nos nosos días de proxectos de restaurar a producción do aceite en Galicia a base das castes de aceituna autóctonas, que son as chamadas bravas e mansas. Tamén están a ser consideradas redes de distribución de tal aceite do país.
Os estudos etnográficos debidos a Xaquín Lourenzo Xocas sentaron as bases do coñecemento xeral da cultura do aceite en Galicia. Outros traballos, coma os de Manuel Caamaño e Estanislao Fernández de la Cigoña, foron completando os datos divulgados sobre o noso aceite e a morfoloxía do seu utillaxe e edificios destinados aos labores de que se trata. Recentemente, a revista Raigame de Ourense publicou o estudo titulado A oliveira e os muíños de aceite, da autoría de Aníbal Cid Babarro, que actualiza os datos xa coñecidos e aporta novas noticias verbo do asunto.
A oliveira goza dalgunha presenza na literatura popular de tradición oral, aínda que non sempre referida á producción do aceite. Vexan unha cántiga (algo coxa):
Por baixo da oliveira
nin chove ni case orballa;
dime, nena, se me queres,
non me deas máis traballo.
Veleiquí un curioso e instructivo refrán: “Aceite, o de riba; viño, o do medio; mel, o do fondo”.
E agora unha adiviña que é coñecida con variantes noutros espazos culturais ibéricos: De branco nacín, de verde me vestín e de loito me cubrín; para dar luz ao Mundo mil tormentos padecín: A ACEITUNA”.
Respondo agora a unha consulta. En galego a palabra oliva ten dúas acepcións: “aceituna, froito da oliveira” e “oliveira ou árbore que produce as aceitunas”. Por esa razón o xornal decimonónico vigués de Alexandro Chao, Compañel e Murguía titulábase —en forma castelanizante— La Oliva: pola oliveira que figura no escudo de Vigo. Non por unha aceituna.

