Suplementos de La Opinión A Coruña

Los mejores reportajes de los suplementos de tu Periodico Favorito

O valor da constancia

Diario de Pichük | Manel Cráneo

Da man de Everest Galicia unha nova serie acaba de irromper no panorama da literatura galega para que os primeiros lectores poidan disfrutar das mil inquedanzas do protagonista, un científico orixinario das pradarías de Vërdia, unha das rexións do Planeta Mincha.
O seu lugar de nacemento na pequena aldea de Hirflä chamada Virdüña, xunto cos seus costumes constitúen os aspectos máis atractivos dunha das primeiras entregas que baixo o título Diario de Pichük dá a coñecer Quen é Pichük? O seu autor, Manel Cráneo, recrea un mundo imaxinario con habitantes aos que lles gusta reflexionar e facer as cousas con calma, por iso entre outros detalles, tardan un ano en poñerlle nome aos seus fillos. Tamén sabemos que só comen unha vez ao mes, día que aproveitan para celebrar algo e que aos rapaces amósanlles dende pequenos todo o que está ao seu redor para que eles despois poidan elixir o que queren facer.
O protagonista, que recoñece non ter entendido aos seus pais cando era pequeno, elixe adicarse á investigación e visitando distintas rexións do seu planeta descobre que con esforzo e tesón todo é posible, reflexión á que chega tras coñecer e estar co seu avó na Lúa de Hirflös, feito que lle permitiu ver o seu planeta dende fóra. E é que ás veces saír da órbita individual permite visionar a realidade de forma diferente. A perspectiva que temos dende o outro lado é tan rica e real que o afastamento convértese nun camiño para atoparse.
A fantasía, a ciencia-ficción e os valores da constancia e da firmeza son algúns dos aspectos que salientan neste texto breve, pero de contido profundo; sinxelo, pero ben artellado; ilusionante, pero do que se extraen ensinanzas reais que poden ser trasladadas á vida cotiá. Convértese neste sentido nunha narración que cautiva a atención dos nenos que comezan a ler. Ademais a utilización das maiúsculas en todo o texto, unido ás ilustracións cheas de colorido e expresividade, facilitan a recepción e deixan un doce sabor a curiosidade que demanda máis aventuras, máis anécdotas, máis datos dun planeta que agocha interesantes segredos.
Digamos aínda que o autor do texto é o debuxante e ilustrador Miguel Cráneo (A Coruña, 19973), alguén que vén amosando unha ampla actividade desde mediados dos anos noventa, cando promoveu numerosos fanzines. Así mesmo, Cráneo participou nas dúas etapas da revista Golfiño —realizando a serie A fraga Milmañas con guións de Carlos Amil— asemade que traballos seus viron a luz en cabeceiras colectivas como BD Banda, Barsowia ou Subterfuge. Ex presidente da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), liderou a súa práctica refundación en 2003. Nesa xeira foi tamén o principal promotor, con Kike Benlloch, do Colectivo Chapapote, resposta ao desastre do Prestige coa participación de ducias de ilustradores. Ademais dunha longa experiencia en cartelismo e publicidade, Cráneo é o responsable do storyboard de diversos filmes e curtametraxes.

Etiquetas: , , , , , , , ,

Escribe una respuesta