Os discursos de abril: Cunqueiro como tarefa
Hai cuarenta e oito anos, no vinteún de abril, mes que o poeta soía escoller, Álvaro Cunqueiro entraba na Academia Galega disertando sobre tesouros. A sesión celebrouse en Mondoñedo e foi o amigo novo e vello, tamén tesouro para Álvaro, Francisco Fernández del Riego quen lle diu a resposta regulamentar. Este acontecemento acaba de ser rememorado.
O pasado 21 a Academia voltou a Mondoñedo para lle render homenaxe a Cunqueiro no ano no que el, de ser vivo, cumpriría cen. Falaron Margarita Ledo, Darío Xohán Cabana, Víctor Freixanes, Euloxio E. Ruibal e Francisco Fernández Rei, respectivamente sobre o xornalismo, a poesía, a narrativa, o teatro e a lingua de Álvaro Cunqueiro. Foron profundos, expresáronse con brillantez, estiveron acertados. Máis ou menos, todos estes oradores fan parte dunha xeración que medrou coa obra de Cunqueiro xa terminada. Mentres os escoitaba, eu sentía en riba a asa preta da saudade porque a miña xeración asistiu ao nacemento e expansión da mellor porción da obra de Cunqueiro e nunca notou este coma un antepasado.
Quero eu decer que a crítica cunqueirá quedou conclusa e que do mindoniense xa non cabe expresar cousa nova? En absoluto: obra tan considerábel nunca deixará de suscitar, en cada tempo futuro, e mesmo no presente, non agardadas interpretacións. Un Congreso Álvaro Cunqueiro está en marcha e nel tomará a palabra quen teña que aportar algo sobre o autor e aos discursos de Abril sumaranse outros discursos que arrequentarán a memoria cunqueirá para ben da nosa cultura.
Ben está se teorice a propósito da obra de Cunqueiro ou que se escriba literatura sobre a literatura del, mormente se tal se fai con talento. Mais, para min, as tarefas urxentes que agora están á espera de intelectuais, filólogos e xentes de teatro laboriosos e intelixentes son as seguintes, a saber: o establecemento dunhas Obras Completas constituidas sobre a crítica textual, a reunión das súas traduccións poéticas (de xeito igualmente crítico) cos orixinais estranxeiros en paralelo, a posta en escena de toda a producción dramática do autor e a publicación dunha súa biografía.
Opera omnia
En ocasión do congreso dedicado a Álvaro Cunqueiro en 1991 ao lle ser adicado o Día das Letras Galegas, Isidoro Millán González-Pardo foi terminante. Expresou a idea de que a obra oceánica de Cunqueiro está á espera do filólogo que se aplique á tarefa da súa edición crítica. Texto ningún de Álvaro Cunqueiro é menor e o seu xenio brilla alí onde estivo a man del empuñando a caneta ou pulsando as teclas da máquina de escribir. E preciso, pois, porse ao tráballo de recadar todo Cunqueiro depurándoo en forma de Obras Completas, nas que se inclúa mesmo os pes de foto de xornal, os programas de festas gastronómicas e os discursos de circunstancia conservados, así en galego como en castelán. E a súa literatura fascista, tan necia.
Traduccións poéticas
É necesario chegar a reunir a totalidade dos poemas estranxeiros traducidos por Cunqueiro ao galego, editándoos acompañados dos textos orixinais. A inmensidade da obra poética de autores de fora que Cunqueiro quixo anosar con intención tamén pedagóxica esixe moita dedicación e coñecemento ao colector. Algo se ten andado neste sentido, pero o corpus do Cunqueiro traductor de poesía para nada está completo nin terminado de axuntar.
Representación escénica
Resulta máis normal asistir en Galicia a representacións teatrais de obras estranxeiras traducidas ca de obras orixinalmente escritas en galego. Así estamos hoxe desexosos de asistir á estrea da Ópera de tres reás de Brecht pero aínda non está fixado o día no que a ópera O Mariscal, coa pompa e a riqueza que ela esixe, sexa escenificada en Galicia. Grande cantidade de teatro galego excelente áchase aletargado nos arquivos ou nas bibliotecas sen que as nosas compañías demostren interese en lles dar vida escénica. Cunqueiro é escasamente representado. Esixamos a presenza de todo o teatro cunqueirán activo nos escenarios de Galicia.
Biografía
Vida tan interesante como a de Álvaro Cunqueiro, que xa ten sido explorada literaria e históricamente en forma de biografía, debería ser revisitada con ollos do século XXI. Determinados rexoubes, medias verdades, mesmo malicias que sobre a vida de don Álvaro circulan oralmente, acadarían efectos de verdade e de xustiza se a pluma desprexuizada dun bon biógrafo considerase hoxe de novo o noso autor centenario.



