María Reimóndez: “As mulleres sentímonos fóra do proceso renovador da Academia”
Escritora e traductora, María Reimóndez é unha das impulsoras do manifesto ‘O xogo das cadeiras’ que reivindica unha maior presenza feminina na Real Academia Galega
“O da mínima presenza de mulleres na Academia é un asunto que leva moito tempo no aire —conta María Reimóndez— e xa dende hai anos somos moitas as que nos temos manifestado e escrito tanto na prensa como noutros foros ao respecto do que nós consideramos unha inxustiza”.
–A quen está dirixido este manifesto? Á sociedade galega ou estrictamente á Academia?
–O manifesto está dirixido á sociedade. No que podería estar dirixido a Académia é no senso de facer visible que na sociedade na que vivimos hai situacións que non se poden tolerar por máis tempo,unha desigualdade acumulada deste calibre. A Academia é un organismo autónomo que toma as súas propias decisións, pero era importante comunicarlle esa preocupación social, e facer patente que nos tempos que vivimos non hai excusas que valgan, e menos esa de que non existen mulleres que teñan o suficente currículo para ser elixidas: hoxendía, ese é un argumento que cae polo seu propio peso. Nós pensamos que había que facer ver isto e manifestar que non é lexítimo que unha institución, que representa unha serie de valores tan importantes para a definición de nación, de língua e da nosa identidade colectiva, siga deixando fora ao 50% da poboación.
–Dende os tempos da presidencia de Fernández Del Riego, a Academia ven desenvolvendo un proceso de renovación que agora mesmo encarna Méndez Ferrín. Sinte que, nese proceso renovador, esquecéronse das mulleres?
–É que non se pode falar de renovación cando seguimos insistindo no mesmo xénero. As mulleres non somos unha unidade monolítica, é dicir, que dentro desa renovación hai espazo para as mulleres porque todas temos un perfil diferente. Se queres renovar en termos de xeración, de ideoloxía, de normas lingüísticas, pois adiante… pero resulta que hai mulleres que representan todas estas opcións tamén pero que, en cambio, fican sen estar representadas.
–E non resulta cando menos sorprendente que entre os académicos, maioritariamente de esquerdas e nacionalistas, prime esta postura digamos ‘machista’?
–Non, non me sorprende en absoluto. De cousas como o sexismo, a homofobia, o racismo… non queda libre ninguén. A menos que se traballe desde o feminismo, que é o único movemento crítico que engloba todos estes aspectos, sempre haberá puntos cegos, e curiosamente o punto cego máis habitual é o da igualdade de xénero.
–Entón, falemos claro, segundo vostedes, o problema ten un nome i ese nome é machismo. ¿A RAG é machista?
–A Academia está inmersa na sociedade, igual que o resto das institucións, organismos ou entidades. Loxicamente vivimos nunha sociedade patriarcal, onde os homes perpetuan aos homes, e iso continuará así ata que ese ciclo se rompa, sexa mediante iniciativas legais, mediante leis que promovan a paridade, mediante cotas ou mediante calisquer outo mecanismo…O malo é que na Academia ese círculo non se da rachado e iso si que é moi grave.
–Hoxe xa non hai ninguén que discuta o protagonismo das mulleres nas letras galegas, pero de sempre se soubo que as institucións son máis lentas en reaccionar que a sociedade. Quizáis esa podería ser a causa de raíz do ‘atraso’ da Academia en recoñecer ese protagonismo…
–Iso é certo, pero non temos por que permitilo. As institucións van lentas, e incluso moi, moi lentas. No caso da Academia, nos cento e pico de anos que leva de existencia, houbo moitos momentos históricos nos que este tema saíu, ao mellor non coa forza da actualidade, pero sempre se lle puxeron moitos impedimentos a distintas mulleres para entrar ainda que o mereceran de sobra. Pero agora as cousas xa chegaron a un punto en que non se pode argumentar que hai que ser pacientes.
–Que reacción oficial esperan por parte da Academia?
–O único que esperamos son os feitos.
–Sería partidaria de que ao igual que fan nas listas algúns partidos políticos, a Academia determinase obligatoria a paridade?
–A Academia non é unha institución que funcione así. Non pode funcionar por eses procesos. Primeiro, porque neste momento a desigualdade é tan grande que non é posible. Segundo, porque a Academia non é un partido político, os postos son vitalicios e entón non é posible regulalo así. Ten que ser un acto de vontade das persoas que forman parte da Academia.
–Chegado o caso de que para unha mesma cadeira houbese unha candidatura dunha muller e a dun home, deberíanlla otorgar a primeira só polo feito de aumentar a presencia do seu xénero?
–Pois si, no caso que me plantexas e considerando que só hai catro mulleres, esa cadeira debería ser para unha muller. Abondan as mulleres que teñen méritos suficientes para entrar e, ademais, a isto hai que sumarlle o mérito engadido de equilibrar un desequilibrio.
–Sen embargo, hai voces neste debate que se preguntan si concederlle as cadeiras ás mulleres, por ser mulleres, e para aumentar o seu número, non é tamén unha caste de sexismo.
–Se alguén dí isto necesita reconsiderar a súa situación. Considéroo algo insultante e de mal gusto pero, en fin, tamén son consciente de que no debate sempre vai a haber opinións desa índole. De todos os xeitos, eu teño máis cousas que facer na miña vida que andar argumentando si as mulleres somos seres humanos, eu prefiro estar a outro nivel.
–Na Academia de Belas Artes a presidencia recae nunha muller. Existe tanta diferencia de sensibilidades dunha academia a outra?
–Non nos podemos centrar en que haxa unha muller presidenta porque iso non soluciona nada. Tamén houbo unha Margaret Thatcher. Non quere decir que unha institución sexa sensible ao criterio de xénero. Iso será así cando haxa unha serie de mulleres diversas cada unha coa súa identidade e a sua traxectoria dentro das institucións. Ata o daquela datos coma ese non son para nada significativos.
–Na presentación do manifesto declarou que ve indigno ter que argumentar a presenza das mulleres na Academia. Non se pode considerar igual de indigno ter que reclamalo a estas alturas do século XXI?
–É que si non se reclaman, as cousas non pasan. Se algo nos aprende o feminismo é que os cambios hai que facelos.
–Poderíase pensar que ese é un feminismo doutra época…
–Pois eu insisto, que miren as cifras e que me digan si pasou de época.
–Vostede, como escritora, caracterízase por darlle sempre, na súa obra, relevancia ás mulleres. A súa idea é manter esta liña pase o que pase?
–Nos meus libros, e en xeral en todo o que eu fago, escribo desde unha posición feminista. Non podo deixar a miña maneira de ver a vida colgada no armario, nin cando escribo nin cando fago outras cousas. Loxicamente, no momento que vivimos e tendo en conta que a maioría das voces que escriben son de homes, que contan historias de homes, narradas por homes e con protagonistas homes, paréceme relevante que as mulleres tomemos a palabra e contemos o que nos corresponde. Claro, isto non é determinismo biolóxico. Eu non vou abandoar a miña postura feminista porque paréceme a única forma coherente de estar na sociedade e de buscar alternativas para mellorala.



