Suplementos de La Opinión A Coruña

Los mejores reportajes de los suplementos de tu Periodico Favorito

Valle–Inclán, 75 anos despois

Dramas crepusculares

Celebramos este ano o 75º aniversario do pasamento de Ramón María del Valle–Inclán, acontecido un 5 de xaneiro de 1936, en Compostela. Das moi diversas manifestacións de dó que teñen lugar e se expresan neses días, deu conta Juan Antonio Hormigón na súa monumental obra Valle–Inclán, Biografía cronológica y Epistolario, catro densos e prolíficos volumes editados pola Asociación de Directores de Escena nos que se ofrece un documentado percorrido pola peripecia vital dun dos galegos máis ilustres. Pois así, como galego, era recoñecido naquela altura desde as páxinas do semanario A Nosa Terra, onde con ocasión do seu óbito se cualificaba a súa obra como “galega pola forma e galega polo esprito que a animou”. Tan galego parecía que Castelao, lembrando o enterro de don Ramón, escribira aquela doída lembranza na que podemos ler: “jamás el cielo de Compostela lloró tanto”. En efecto, chovía moito, pero a galeguidade enteira tamén choraba a morte dun dos seus.
Valle–Inclán deixou tras súa unha obra literaria de dimensión universal, como poñía de manifesto o profesor Darío Villanueva na presentación da súa Narrativa completa, editada en 2010 por Espasa. Destacou como narrador e como poeta, tamén como polemista e articulista, pero sobre todo como dramaturgo. E nunha parte substantiva da súa obra déixase sentir o peso da tradición cultural galega, os usos e costumes dunha Galicia que na altura en que escribe seguía ancorada nas estruturas medievais, case coma hoxe. Impresión semellante obtemos ao lermos a obra do dramaturgo angloirlandés John Millington Synge, que recrea unha Irlanda escura e negra, aquela que no ámbito rural mantivo formas de vida que para nós resultan tan próximas e familiares. A vida nas Illas de Arán non era moi disimilar no inicio do século pasado da que levaban os habitantes da Costa da Morte, poño por caso.
A súa obra dramática segue gozando de actualidade en tanto soubo recrear nela conflitos permanentes do ser humano, como fixeron antes del todos eses autores que consideramos clásicos. Velaí ese primeiro drama simbolista titulado Cenizas, que contén episodios da vida íntima que falan de situacións, conflitos e condutas que seguen dominando as nosas relacións. Un drama vivido por dúas persoas animadas polo amor e atormentadas pola relixión, bucle destrutivo que conduce directamente á desolación.
Seguen tendo interese os seus dramas épicos, desde aquel que titula Voces de gesta ata os que agrupa na serie das comedias bárbaras, con logros tan destacables como Divinas palabras, unha peza realmente maxistral na que recrea os dramas das xentes do común mantendo ante eles a mesma distancia que propoñía Esquilo pero volvendo os heroes de carne e de oso como propora Eurípides para desesperación de Aristófanes, pois o autor de Lisístrata era amante, coma poucos, da vedraña tradición aristocrática. Ante a realidade da Galicia rural, Valle–Inclán semella non tomar partido, mais esa suposta ausencia de perspectiva crítica fai que esta aumente considerablemente ao mostrar os feitos sen outro aditamento que a súa natureza máis crúa e negra. Valle aplica a mesma lente que o Goya máis escuro. Vendo as andanzas de Juan Manuel de Montenegro, cacique insufrible e absurdo, resulta moi difícil poñerse do lado dos señores da terra. Voces de gesta non deixa de lembrar tampouco algunhas das temáticas presentes en As troianas, aquel drama de Eurípides onde as mulleres, onte coma hoxe, se converten no máis prezado botín de guerra.
Nas farsas e esperpentos, adopta Valle–Inclán unha dura mirada crítica que pon en cuestión aqueles valores rancios que converteran España en país grotesco. Esa mesma visión agroma con forza nas novelas do ciclo titulado El ruedo ibérico. Textos que no momento actual cobran especial interese pois a miseria moral que alentaba as vidas das clases dirixentes naquela altura é ben similar á que alenta a vida dos actuais e velaí temos o movemento do 15-M como mostra precisa da podremia que percorre un amplo sector do espectro dirixente, ante a mirada atónita de inmensas restras de cegos e mendigos. Nesa dirección, Luces de bohemia, quizais un dos textos máis logrados na súa dimensión polifónica, segue a gozar de actualidade evidente. Ler a Valle–Inclán hoxe constitúe un poderoso antídoto ante as inclemencias da época.

Etiquetas: , , , , , , ,

Escribe una respuesta