“…la boca o’bre per gran desir que n’ai”
O ano en curso trouxo un regalo: o libro ‘Os trobadores de Occitania’ de Darío Xohán Cabana. Nas súas 638 páxinas a autoridade de Darío faise única e absoluta

Darío Xohán Cabana, académico
Versa o libro sobre a poesía que cultivaron os trobadores e as trobadoras de Occitania (Sul da Francia de hoxe) nos séculos XII e XIII (laica e erótica preponderantemente) e que resultou aniquilada polas forzas conxugadas da Igrexa Católica e do imperialismo feudal francés na Cruzada contra os Albixenses.
Darío Xohán Cabana abre Os trobadores de Occitania cun Discurso Preliminar soberbio no que ilumina os problemas que o tema ten suscitado con novos fachos e reflectores de luz crítica. Logo, o autor convoca uns oitenta trobadores e escolle da producción deles as trobas que a el máis lle gorentan, con criterios de gusto persoal cos que, por veces, un pode estar en desacordo (madialeva!). Cada poema aparece na lingua orixinal occitana nunha lectura crítica que tén en conta as precedentes. Para isto, Darío crea unha nova e útil grafía occitana unificada con fundamento académico. Á esquerda de cada composición fai imprimir unha traducción literal ao galego e á dereita outra en verso tamén galego no que o rigor do traductor e filólogo é compatíbel coa versión apuradísima do poeta, tal como Cabana fixera co Dante e coa Petrarca. Por fin, Cabana fíncalle o dente á historia, á biografía e á interpretación dos poemas. En todos os casos, o autor non adopta un estilo togado senón que, amenamente, nos fai enviar a améndoa amargue da erudición mediante os meles da mellor prosa galega. Usa Darío dunha lingua prócer na que brillan aduvíos irónicos ocasionais que fan feliz o lector.
Limitémonos agora a un só dos poemas que Darío incluiu en Os trobadores de Occitania. Reproducimos o texto crítico de Giuseppe Tavani retocado por Darío Xohan Cabana. Eís o poema:
I.”Altas undas que venètz sus la mar,/ que fai lo vent çai e lai demenar,/ de mun amic sabètz nòvas contar/ qui lai passèt? No lo vei retornar!/ Et oi Dèu, d’amor/ad ora.m dona jòi/ et ad ora dolor!
II. Auras dulças qui venètz devèrs lai/ un mun amic dòrm e sejorna e jai,/ del dolç alenh un beure m’aportai:/ la boca óbre per gran desir que n’ai./ Et oi Dèu, d’amor/ ad ora.m dona jòi/ et ad ora dolor!
III. Mal amarfai vassal d’estran país,/ car en plor tórnan e sos jocs e sos ris:/ Ja nun cudei mun amic me traís,/ qu’eu li doméi ço que d’amor me quis!/ Et oi Dèu, d’amor/ ad ora.m dona jòi/ et ad ora dolor!
Este poema, co título Cántiga de amigo, fica así na versión poética de Darío Xohán Cabana:
I.Altas ondas que vides polo mar,/ que o vento fai aquí e alá abalar,/ do meu amigo habédesme contar/ que alén pasou? Non o vexo tornar! Ai meu Deus, de amor/ dáme ledicia/ e ora dáme dolor!
II.Aires doces que vides de acolá/ d’u meu amigo dorme e xace e está,/ de doce alento daime un grolo xa,/ porque abro a boca de ansia que me dá./ Ai meu Deus, de amor/ ora dáme ledicia/ e ora dáme dolor!
III.Home de lonxe mal amar de deu,/ que agora é pranto e riso e xogo seu./ Non crin sufrir traizón do amigo meu,/ pois de amor deille canto deveceu./ Ai meu Deus, de amor/ ora dáme ledicia/ e ora dáme dolor!
A voz lírica feminina (moza namorada co seu amigo lonxe) apostrofa ás forzas da natureza (como Pero Meogo ás cervas do monte ou don Denís ás flores do verde pino). Neste caso pregúntalle ás altas ondas exactamente nos mesmos termos nos que Martín Codax interrogaba as ondas do mar de Vigo. A composición e paralelística e cada estrofe vai seguida do refrán. Case só en virtude da lingua en que o poema está composto podemos decer que se trate de literatura provenzal ou occitana. Nas fórmulas tópicas, nos contidos, na estratexia enunciativa, o poema é unha cántiga de amigo galega que se formula en lingua occitana. E máis: esta é unha cántiga de amigo que semella render homenaxe a Martín Codax.
Con certeza, non se trata de pastiche ningún. O poema discorre vivo e convincente. Nuns determinados intres amosa unha complexión lírica que non existe en Codax. Como tal, cando un verso espléndido expresa toda a saudade e o desexo da namorada: “abro a boca polo grande desexo que del (o amigo ausente) teño”. En todo caso, a cántiga comeza co verso que nos leva a Martín Codax automáticamente é unha composición única e extravagante (foi así analizada por Giuseppe Tavani), alén de excelente, no universo da poesía trovadoresca de Occitania.
E quen foi o autor da cántiga que sorprendentemente liga a cultura poética occitania coa galega medieval? Segundo o cancioneiro catalán do século XIV coñecido por Sg (único que recolle Altas undas…) a composición é obra do ilustre trobador provenzal Raimbaut de Vaqueiras (Darío insiste en Vaqueiràs). Con todo, tense posto en dúbida tal autoría. Disto trataremos, se termos forza e saúde, o próximo sábado no Fondo dos Espellos.
Homenaxe a Xoán Rubia
Preguntáronme algúns coñecidos que grado de coñecemento había na Galicia franquista dos poemas galegos de García Lorca. Na realidade, moitos accedimos a este pequeno cancioneiro lorquiano grazas a que Francisco Fernández del Riego o incluiu no t. IV da ‘Escolma de Poesía Galega’ (Os Contemporáneos). Lembro que, moi valentemente, Paco facía referencia na nota introductoria á morte violenta de Lorca. Editou a obra Galaxia en 1955.
A popularidade do Lorca galego aumentou no ano 1969 coa publicación (Edigsa-Xistral, Barcelona) dun disco de Xoán Rubia que situou o cantante ferrolán no máis alto da nova canción galega. Cantaba nel Xoán Rubia o ‘Noiturnio do adoescente morto’ e a ‘Cantiga do neno da tenda’. A música era tamén de Rubia e as gravacións tiveron un grande éxito privado. E digo isto porque non lembro grandes concertos públicos deste cantante e autor, que non gozaba das simpatías de certos sectores sectarios (politizados no carrillismo) que vían no cantante e músico ferrolán algo demasiado esteticista e nacionalista. Os poemas de Lorca, sen embargo, coñeceron, grazas á voz e a música de Xoán Rubia, unha grande difusión entre os seguidores da nova canción galega no final dos sesenta e no inicio dos setenta.
Compre engadir, que, alén das dúas pezas lorquianas, Rubia inclúe no seu single unha selección de belísimas cántigas populares ou popularistas e mais un himno moi patriótico e radical con letra de Álvaro Paradela; himno que, obviamente non gustou nos citados sectores, que, ao tempo, tamén rexeitaban a música e cancións galegas que en Venezuela lanzaban Xulio Formoso e Farruco Sesto Novás. Do que pensaban de Andrés Dobarro, mellor non falemos hoxe.
Compre, a propósito, lembrar que non todo foi Voces Ceibes naquelas datas e que a mestría e brillantez de Xoán Rubia merece ser lembrada nos intres nos que se rende homenaxe a Federico García Lorca, poeta galego.


