A Universidade da Coruña acaba de presentar publicamente o Campus Innova, iniciativa coa que completa a reconfiguración dos seus centros docentes e tecnolóxicos da Coruña e de Ferrol. Este mesmo ano puxemos en marcha o Campus Sustentabilidade (A Coruña) e hai dous anos constituímos o Campus Industrial (Ferrol).

O Campus Innova artéllase arredor de tres grandes eixes (Innova TIC, Innova Tech e Innova Humanitas) e pretende dinamizar a actividade de I+D+i e a capacidade emprendedora a través destas tres áreas de especialización.

Paralelamente, refórzanse as fortalezas docentes da UDC potenciando titulacións de excelencia vinculadas a estas áreas. O obxectivo é, pois, dobre: titulacións máis atractivas mellor adaptadas ao noso contorno laboral e actividade científica e de transferencia do coñecemento, moi imbricada co tecido socioeconómico, cultural e institucional do que formamos parte fundamental como universidade pública.

A Universidade da Coruña creouse en 1989, no contexto do forte impulso modernizador e progresista que, a partir da recuperación da democracia e da Constitución de 1978, caracterizou as dúas últimas décadas do século XX. Non se precisan análises moi sisudas para se decatar da enorme transcendencia que tivo o seu nacemento. Non só para A Coruña, Ferrol e as súas áreas metropolitanas, senón tamén para o conxunto de Galicia.

De tal xeito que o país ten un sistema universitario público sólido (Santiago, Vigo, A Coruña) que permite ofrecerlles aos mozos e mozas galegas a oportunidade de satisfaceren o seu dereito á educación superior e, ao entramado social, cultural e económico de Galicia, unha determinante columna vertebral para o seu progreso material e cultural.

Porque diso se trata. Cada ano a Universidade da Coruña gradúa arredor de tres mil estudantes de grao e mestrado formados nos seus 21 centros propios e tres adscritos. Tres mil novos titulados preparados para asumiren as responsabilidades profesionais e laborais máis esixentes e cualificadas.

Ao tempo, e en consonancia co papel central das universidades na sociedade do coñecemento, a UDC puxo en marcha relevantes centros tecnolóxicos (CIT, CITIC, CITEEC, CICA) onde se desenvolve investigación punteira que se transmite a empresas, institucións e entidades demandantes de I+D+i de vangarda.

A reconfiguración á que me refería no comezo destas liñas é unha mostra máis do dinamismo da UDC, do traballo continuo para responder ás necesidades dun contorno altamente cambiante, crecentemente tecnoloxizado e que se move nun tempo aberto, competitivo e globalizado para o que cómpre actualización permanente.

O proceso de internacionalización que desenvolve hoxe a Universidade da Coruña responde tamén a esa necesidade de rendibilizar o noso capital humano e non perder o tren da modernidade e do crecemento sustentable. Máis titulacións duplas ou conxuntas, máis graos ou mestrados en inglés, máis mobilidade de estudantes e docentes e máis participación en redes e proxectos de investigación supranacionais.

Non é esaxeración nin retórica afirmar que a creación da Universidade foi unha das mellores cousas que lle ocorreron á Coruña nas últimas décadas. Hoxe e para o futuro, unha institución estratéxica.