Nestes últimos 40 anos os traballadores acompañamos e fomos os protagonistas da historia deste país e tamén, por que non dicilo, as grandes vítimas e pagáns das crises que nunca xeramos. Non obstante, son innegables as melloras do mercado laboral dende que a democracia chegou a este país. Botando a mirada cara atrás, no ano 1980 dotámonos do Estatuto dos Traballadores e queda configurado así o marco democrático das relacións laborais en España. A partir deste momento ábrese un camiño de avances significativos no mercado de traballo e retrocesos polas reformas laborais impostas combatidas pola nosa organización.

Aterrando na actualidade, atopámonos con que a última crise económica sufrida e os efectos das políticas de austeridade e reformas aplicadas dende o ano 2010 deixaron un forte deterioro no mercado de traballo que aínda perdura, a pesar dos mellores resultados en termos de actividade económica.

“Existe a suficiente riqueza para abordar unha mellora no benestar da clase traballadora”

As cifras de desemprego seguen a ser demasiado elevadas. Preocupante é a situación dos máis mozos, as persoas desempregadas maiores de 55 anos, os parados de longa duración, os aumentos das desigualdades e a brecha salarial. A isto se lle engade que aqueles que traballan o fan, en moitas ocasións, en condicións certamente precarias.

Así, a tónica dos contratos temporais, parcialidade involuntaria e baixos salarios son o pan de cada día para moitos traballadores. Todo isto conduce a un inevitable incremento do risco de pobreza ou exclusión social, incluso daqueles que teñen un posto de traballo.

Neste contexto, os profundos desequilibrios estruturais do noso modelo socioeconómico favorecen unha recuperación fráxil, precaria e insostible.
É preciso camiñar cara unha sociedade máis inclusiva e xusta, próspera e con elevados niveis de benestar e cohesión social, con traballo decente para todos. Na actualidade existe a suficiente riqueza para abordar unha mellora no benestar da clase traballadora. É imprescindible poñer o traballo decente no centro da sociedade do futuro e no eixo da acción política dos gobernos e das institucións internacionais.

E, no debate do futuro do traballo, coa introdución das plataformas dixitais, é preciso abordar estas novas formas de traballo dende o compromiso coa protección das condicións laborais para impedir a precarización. O progreso dixital é imparable pero é preciso que este progreso e os seus beneficios estean ao servizo das melloras das condicións de vida de todos os cidadáns.