A extensión da precariedade laboral maniféstase na situación da poboación activa en Galicia: o 14 % está desempregada; o 27 % de persoas asalariadas ten contrato temporal; o 55 % das xornadas parciais son involuntarias e só o 42 % ten traballo asalariado indefinido a xornada completa.

O aumento da rotación laboral afecta a temporais e a fixos: o 30% dos contratos temporais duran menos dunha semana e un de cada tres traballadores e traballadoras fixos é despedido antes de cumprir o ano na empresa. A facilidade para despedir a menor custo, lexislada pola reforma laboral, incentiva as prácticas empresariais precarias.

Doutra banda a recomposición sectorial do mercado de traballo é incapaz de incrementar o emprego en actividades de alto valor engadido.

Os salarios, as prestacións e os servizos públicos deben recuperar a participación perdida na distribución da riqueza. Esta é a liña do asinado no IV Acordo de Negociación Colectiva e Emprego (AENC): é imprescindible que ningún convenio estableza salarios mensuais inferiores a mil euros, obrigando os negociadores a llelos subir significativamente a máis de 110.000 galegas e galegos que están nesa situación. Cómpre garantir o poder adquisitivo das e dos pensionistas e tamén protexer as máis de 60.000 familias galegas que carecen de calquera tipo de ingresos e se atopan en situación de exclusión social.

“Os poderes públicos deben reforzar a súa capacidade de intervención na recomposición do mercado laboral galego”

Concentrar o investimento e a axuda pública en mudar os patróns do actual modelo de crecemento, debera emprazar o conxunto de axentes sociais e políticos da nosa Comunidade a artellar os necesarios consensos e acordos que faciliten un clima social estable, afastado do modelo que impulsa a precariedade.

Os poderes públicos deben reforzar a súa capacidade de intervención na recomposición do mercado laboral galego, comezando pola propia Administración no eido do emprego público e dos contratos subscritos polo conxunto das administracións. Neste segundo aspecto, que representa o 18 % da economía galega, han ter prioridade as cláusulas sociais nos procesos de contratación, adxudicación e execución, pois só así as administracións galegas actuarían como axente activo na mellora da calidade do emprego.