En decembro de 1978, coincidindo no tempo co fito histórico da aprobación da Constitución Española, saían á rúa os primeiros xornais de Prensa Ibérica, unha modesta empresa familiar de comunicación que foi medrando co paso do tempo ata converterse nunha referencia indiscutible da información local e rexional en España.

O Grupo Prensa Ibérica aglutina hoxe 17 cabeceiras en nove comunidades autonómas, entre elas dúas especialmente familiares e queridas para os galegos: Faro de Vigo, diario xestionado por este grupo de comunicación dende 1986, e LA OPINIÓN A CORUÑA, fundado na cidade herculina coa chegada do novo milenio. Nestas catro décadas, os medios de Prensa Ibérica souberon construirse unha sólida reputación grazas a un seguemento rigoroso e crítico da actualidade, sempre caracterizado polo mantemento dunha perspectiva local, cercana á realidade cotiá da cidadanía.

Unha perspectiva que segue vixente, como amosa o lema elixido polo grupo para a conmemoración do seu 40º aniversario: La mejor información, cerca de ti.

O mundo cambiou moito neste tempo. Os medios de comunicación e os seus profesionais, como case todos os sectores da sociedade, sufriron con dureza os efectos da crise económica e afrontan novos retos, como a súa adaptación aos novos formatos dixitais que impón unha revolución tecnolóxica sen precedentes, que ata hai poucos anos nin sequera podiamos imaxinar.

Pero o xornalismo segue sendo hoxe tan necesario coma sempre. Tamén no ámbito local, onde os medios de comunicación xogan, ademais do seu papel informativo, un importante rol como altavoces da sociedade.
Un país avanzado precisa medios independientes que non só trasladen as mensaxes dos políticos á sociedade, senón que leven a voz da sociedade aos despachos dos políticos, que sirvan de correa de transmisión entre a cidadanía e quenes temos a honra de representalos nas institucións, que falen dos asuntos que realmente preocupan na rúa.

Nun mundo coma o actual, caracterizado pola globalización e pola avalancha e inmediatez das noticias que recibimos a diario, a sociedade segue demandando unha prensa con raíces no territorio, implicada na comunidade e no tecido socioeconómico local, que ofreza información de proximidade, dos temas que nos afectan directamente, das pequenas historias de cada día.

No ámbito local está a esencia do xornalismo e tamén, a pesar dos múltiples retos que ten por diante, un futuro esperanzador.

Parabéns ao grupo Prensa Ibérica por estes corenta anos apostando polo valor da proximidade no xornalismo.