A s decisións políticas adoptadas desde o inicio da crise económica e as reformas laborais de 2010, 2011 e 2102, significan un importante retroceso nos dereitos da clase traballadora, ao desregular e flexibilizar as condicións en materias como a contratación, o despedimento, a xornada, o salario, o cumprimento e negociación dos convenios colectivos.

A recuperación económica da que se fai propaganda a diario non existe. Mantemos altas porcentaxes de desemprego, perdemos poboación activa e padecemos unha permanente emigración de xente nova, a máis e mellor formada da nosa Historia.

Con estas políticas foméntase a pobreza laboral, os contratos de traballo en condicións escravizantes (a tempo parcial, como falsos autónomos, en empresas multiservizos, etc.) e con salarios miserentos que nin tan sequera chegan ao salario mínimo interprofesional.

“A recuperación económica non existe; mantemos altas porcentaxes de desemprego, perdemos poboación activa e padecemos unha permanente emigración”

Continúa a ausencia de políticas públicas reais que acaben coa fenda salarial, a temporalidade e o acoso laboral e sexual.

Non hai creación de emprego e cada día hai máis persoas no desemprego que non perciben ningún tipo de ingresos.

Os recortes sociais e privatizacións dos servizos públicos (ensino, sanidade, servizos socias, etc.) fan medrar os sectores sociais abandonados polas administracións.

As graves consecuencias das reformas do sistema público de pensións de 2011 e 2013, provocaron unha importante perda de poder adquisitivo, consolidando o dato de que as pensións en Galiza son as segundas máis baixas do Estado español.

Estamos ante unha preocupante situación de emerxencia nacional e social que nos empuxa a reclamar desde a mobilización outras políticas. Como as que defendemos nos documentos 100 Medidas para a Creación de Emprego en Galiza e no conxunto de Medidas en materia laboral e social, porque xa é hora de recuperar os dereitos e acabar coa precariedade, a pobreza e a emigración. Na Galiza, emprego, salarios e pensións dignas.