A vida está chea de momentos de audacia, pequenos intres nos que se dan pasos que só son posibles de valorar dende o interior da persoa que os vive e que ninguén máis podería cualificar de relevantes, e outros tan grandes que o seu efecto se estende á comunidade e no tempo. Ninguén pode negar a transcendencia destes porque todos e todas podemos sentir o nivel de valentía que encerran. Podemos velo e recoñecelo na decisión de abrir un novo xornal nun momento no que as empresas da información escrita están en pleno proceso de cambio, afrontando as dificultades da transición cara a un novo modelo onde a tecnoloxía e a democratización do acceso a Internet son claves. Sempre é unha boa noticia que un novo medio de comunicación irrompa na nosa necesidade de estar informados e informadas, e máis se nos permite coñecer a nosa realidade máis inmediata. Por iso, a maioría de idade de LA OPINIÓN A CORUÑA pode considerarse un avance para a pluralidade de puntos de vista e para a nosa democracia local. A aposta pola relevancia da información de proximidade vén certificada polo seu grupo editor, Prensa Ibérica, que cumpre 40 anos de expansión e consolidación de cabeceiras locais.

Nestas catro décadas os xornalistas e as xornalistas da editorial puideron reflectir, seguir de preto e construír tamén, dende a o papel esencial que teñen os medios na nosa sociedade, o crecemento das cidades e ao aumento da súa relevancia como suxeitos políticos clave e garantes de dereitos e liberdades. Porque estamos no século das urbes. E chegamos a el a través de corenta anos de transformación. A Coruña consolidou barrios enteiros coa emigración do rural, acolleu unha universidade e creceu ata converterse na referencia económica de Galicia. Tamén é certo que neste mesmo tempo, a cidade enfrontou desafíos importantes, como o desmantelamento do sistema financeiro local, os efectos da burbulla inmobiliaria, o desafío climático e ambiental ou o envellecemento da poboación, cuestións todas elas que levan décadas nas axendas locais. Problemas globais que se deixan sentir no corazón da cidade e aos que a cidade responde. Todo isto, contado día a día polos medios de comunicación.

Para afrontar o que temos por diante contamos coa riqueza da nosa cidade, que reside na variedade, no crisol que vai conformando o noso futuro, no impulso que lle imprimen os veciños e as veciñas coas súas iniciativas. Un panorama no que o goberno local é catalizador e tamén forza motora. Estas dúas características da súa acción deben estar centradas en evocar e poñer os alicerces do que queremos vivir (e como) nas vindeiras décadas. Creo que o Concello da Coruña, como os medios que irrompen contra o sino das tendencias, debe ser tamén audaz e valente para imaxinar e sentar as bases do futuro da cidade. Ser valente para facelo de maneira diferente, en común. E ser valente para aplicar esta fórmula ante os maiores retos. Talvez non teñamos hoxe outro maior que o de definir un novo horizonte litoral. Por envergadura, por impacto económico e social, por identidade. O goberno local mantén o empeño co que chegou ao Concello de recuperar, libres de cargas, os terreos portuarios para a cidadanía e, en consonancia, deseñou un camiño no que se aseguran as canles para ter un debate público, rico e no que a veciñanza teña voz sobre ese espazo tan sensible e tan definitorio á beira do noso mar. Só unindo voces e dialogando podemos estar á altura do reto, porque o seu aspecto será o novo impulso da Coruña e os seus usos marcarán a oportunidade de crecemento, de modernización e de recuperación de espazo público. Hoxe, dende a cooperación e o diálogo, dende a participación e a escoita, temos a obriga de concibir o proxecto que enmarcará as noticias de dentro doutros 40 anos: novas que falarán de innovación, de desenvolvemento económico, de mobilidade sostible e de respecto polo patrimonio e o medio ambiente. Novas que falarán dunha Coruña Próxima, máis grande que a actual, metropolitana, da que todos e todas nós seremos protagonistas. A Coruña Próxima de 2030.

A colaboración é unha das ferramentas cruciais para garantir ese futuro, porque xa non se entenden as cidades como núcleos illados, como tampouco se comprende agora un goberno local pechado sobre si mesmo. A nosa realidade urbana mudou, as potencialidades sociais, xeográficas e económicas xa non coinciden cos límites administrativos. Esa realidade é a área metropolitana e estamos no camiño da súa construción para que as administracións públicas estean á altura da vida cotiá da cidadanía. Vivimos tempos de retos globais que se responden dende o local. Ante eles, o mellor que podemos facer é abordalos cunha perspectiva ampla e acorde á realidade, para que as políticas que poñamos en marcha teñan a transcendencia temporal e territorial adecuada.

O salto para situármonos na Coruña do futuro empezou xa. Estamos no aire, pero non temos vertixe porque contamos con todos e todas, porque a traxectoria vén acompañada de colaboración, de pluralidade e de traballo en común. Fico tranquilo, porque sei que todas as loitas que se libren e todos os avances que logren esta cidade e a súa xentes nos próximos vinte ou corenta anos deixarán sempre unha pegada nas páxinas de La OPINIÓN.