E ntre as páxinas dos diarios de Prensa Ibérica atopamos o relato da nosa historia. O que entón era noticia hoxe é a nosa historia máis recente, a narración do que somos.
A biografía do grupo discorre paralela á nosa propia. Hai corenta anos comezamos a transitar un camiño que transformou por completo Galicia e España. Somos unha sociedade máis próspera e máis aberta e sómolo pola xenerosidade da xeración que nos precedeu.

Foron eles os que, sobre todo, sufriron a páxina negra da ditadura e os que souberon pasala. Artellaron, entre todos, unha reconciliación que é a base da nosa sociedade e da que nós agora somos depositarios. Ese tempo de incerteza resolveuse coa achega de todos.

Lembrar que ese momento histórico, que supuxo o inicio da nosa etapa máis próspera, non impide que conservemos a memoria do que foi a ditadura. Pero é xusto recoñecer o impulso desa xeración, non só dos políticos, senón de toda a cidadanía, para propiciar o cambio.

Non só nos legaron esta etapa de estabilidade e modernización, tamén os valores que a inspiraron. A nosa democracia baséase no respecto polo outro, na liberdade e na igualdade e, través da lei, consagráronse como os valores que presiden a nosa convivencia.

E ese cambio non foi retórico nin accesorio, senón que nos transformou profundamente. Grazas a el España configurouse como un Estado descentralizado, cun profundo respecto á diversidade.

Á Transición española seguiulle a Transición galega, que nos permitiu constituír o autogoberno do que hoxe gozamos. Galicia e todos nós somos a proba de que unha nacionalidade histórica, como reza a Constitución, pode ser exemplo de convivencia e aposta pola España das autonomías.

Entre todos construímos un país máis xusto, porque entre o patrimonio máis valioso que temos están os nosos servizos públicos. E, sobre todo, entre todos construímos un país con máis oportunidades.

Foi a porta de entrada a unha modernización sen precedentes. E fixémolo porque, lonxe de encerrarnos en nós mesmos, decidimos que as fronteiras non debían ser un freo á cooperación fraterna.
Estreitar lazos con Europa e con América volveunos situar no mundo. Galicia sempre tivo esa vocación, que xa se puxera de manifesto a través da emigración en vínculos con outros países.
Reivindico que hoxe, máis que nunca, o que precisamos lembrar é o exemplo que nos legaron os nosos devanceiros. A memoria histórica non debe esquecer a etapa escura que foi a ditadura franquista, pero tampouco que houbo unha reconciliación.

Neste tempo no que todo está cuestionado, no que os populismos e os nacionalismos cuestionan a convivencia, temos que lembrar que todo o conseguido non nos pertence, senón que debemos legarllo aos que están por vir.

Isto non impide o cambio nin nos relega a quedarnos inmóbiles, só nos convoca a ter a mesma xenerosidade que os que nos precederon en cada paso que demos cara adiante.
Temos que seguir avanzando na historia sen poñer en perigo o que conseguimos ata agora. Debémosllo aos que fixeron tantos esforzos pola estabilidade da que hoxe gozamos e debémosllo, sobre todo, ás xeracións que están por vir.

Non podemos permitir que este tempo exemplar sexa unha illa na historia, senón o comezo dunha etapa longa e próspera que pode e debe renovarse, pero sempre atendendo aos principios que a fixeron posible.

Non permitamos que o conseguido se limite a un pacto entre os cidadáns daquel tempo, senón que debe tamén ser un pacto entre xeracións. Como sempre fixo, Galicia estará presente nos retos que veñan defendendo eses valores que son os que lle permitiron construír a mellor versión de si mesma.

E para seguir contando esa historia contaremos coa voz e a experiencia de Prensa Ibérica. Parabéns por estes 40 anos a todos os traballadores que co seu traballo o fixeron posible.