cargando...

Promoción XIX Premios Opinión da Música de Raíz

O xornal La Opinión apostou hai dezanove anos por recoñecer o traballo que estaban a desenvolver os músicos galegos que traballan no eido da música de raíz coa creación dos PREMIOS OPINIÓN. Os galardóns pretenden valorar o labor efectuado por uns artistas que son quen de amosar a vitalidade creadora do país cos seus traballos.

Nestes tempos tan complexos que nos tocou vivir, non queremos faltar a nosa cita coa Cultura e o vindeiro 29 de setembro terá lugar a cerimonia de entrega dos XIX PREMIOS OPINIÓN, que se celebrará no teatro Rosalía de Castro de A Coruña ás 20:30 horas, e durará unha hora e trinta e cinco minutos.

Por suposto, contaremos con todas as precaucións esixidas polas autoridades para cumprir cos protocolos Covid-19, e que fan do mundo da Cultura un lugar seguro no que desfrutar do traballo dos nosos artistas.

Para esta ocasión contaremos coa actuación de Quinta San Vitorio, un trío formado por Pedro Lamas, Sabela Caamaño e a cantante lusa Sofia Adriana, co que recuperan repertorio pouco coñecido de autoras coruñesas dos séculos XIX e XX. Tamén actuarán Belém Tajes & Lilaina, nunha colaboración especial da cantante, quen comezou recentemente a súa andaina como solista, co trío de cantareiras orixinarias de Miño, que son consideradas das mellores voces na música tradicional galega.